jueves, 20 de diciembre de 2012

100% CEF (Celso Emilio Ferreiro)

Longametraxe documental que dirixe Aser Álvarez. Luís Tosar interpreta ao poeta de Celanova. Este traballo audiovisual, que ve a luz xusto cando fai os 100 anos do nacemento de Celso Emilio, pecha os actos de conmemoración do centenario dunha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX. O documental que ofrece a TVG, gravado en Celanova, Acevedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense, está baseado en máis de 50 entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e musicacións que axudan a debuxar un retrato contemporáneo do escritor. A complexidade e amplitude da figura de Celso Emilio é reconstruída a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos e amigos e conta coa participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean e cantan os seus poemas. “100% CEF” é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta. Este retrato poliédrico do autor de “Onde o mundo se chama Celanova” faise a través da conversa cos seus fillos, Isabel e Luís; os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás; o seu amigo e paisano, o actual presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín; Xosé Neira Vilas, Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros. Os poemas chegan pola voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana Lastra e Mini e Mero, pero sobre todo co punk dos Labregos do Tempo dos Sputniks e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred. O documental tamén conta coa colaboración de artistas como Baldo Ramos, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras.


No hay comentarios:

Publicar un comentario