miércoles, 17 de mayo de 2017

COMICON: DÍA 2 POLA TARDE




Mentres pechaba o recinto principal, no Alto da Praza de abastos, ao mediodía para facer unha pequena pausa e comer, permanecía aberto o pavillón de Reibón para celebrar, igual que o día anterior, un novo torneo de Quidditch, deporte ficticio practicado por personaxes do mundo máxico na serie de novelas de Harry Potter, escritas por J.K.Rowling. Practícano estudantes de colexios como o colexio de Hogwarts de Maxia e seleccións de todos os países. A característica principal é que se xoga voando sobre escobas máxicas. Hoxe acudiron membros da Asociación de Quidditch Vigo. 






A tarde no escenario principal comezou coa presentación dos fanzines Androide Paranoide e Planeta Metamorfia.












Entretanto, na sala colindante, tiña lugar un obradoiro de debuxo manga a cargo de María Vilar e Iago Araújo, de Clases de Cómic de Vigo.






A presentación do xogo Infinity, un xogo de miniaturas que simula combates futuristas nunha contorna de ciencia-ficción resultou especialmente interesante para o público asistente. Os seus creadores e distribuidores, a empresa Corvus Belli, ubicada en Bueu, foron os encargados de explicar as características do xogo.






A continuación ocupou o escenario principal unha relatora moi especial, Yumivigo, que nos ofreceu unha charla sobre armaduras e props e como podemos crear os nosos propios cosplays.







Fóra do recinto os xogadores de Jugger continuaron durante toda a tarde practicando a súa recén descuberta nova paixón. Outros, dentro, seguían coas pistolas Nerf e co torneo de Magic.




E rematamos a xornada cun concurso de karaoke no que houbo variedade de participantes, dende rapaces que decidiron rapear composicións propias, ata outros que improvisaron coa axuda do móbil dos seus pais.




Ah, outra das nosas contribucións ao evento foi a presentación dos Podcasts realizados por alumnos e alumnas do IES As Barxas: Oito ilustradores galegos, Nove ilustradores galegos, Entrevistas a autores galegos e a Radionovela Escarlatina, a cociñeira defunta.




Por último, cómpre agradecer a presencia de stands con librerías dedicadas ao mundo do cómic e o manga, como a librería Wells de Cangas, por exemplo, e outros con distintos elementos de merchandising, como os funkos. E, por suposto, o enorme esforzo realizado polos coles de primaria na decoración do recinto.







No hay comentarios:

Publicar un comentario