martes, 2 de mayo de 2017

XUNTANZA CLUBS DE MANGA NO ÁLVARO CUNQUEIRO - 24 DE ABRIL


Un nutrido grupo de alumnxs dos clubs de manga dos IES As Barxas e A Paralaia encaminánomos o pasado luns 24 de abril a unha nova xuntanza de Clubs de Manga, convocada nesta ocasión polo Coia 4 de Vigo. Alí nos reunimos con vellos coñecidos do Coia 2, do Escolas Proval de Nigrán e con novas amizades dos clubs de manga do IES San Paio de Tui e máis do Ricardo Mella de Vigo. Velaquí tamén os profes representantes de cada un dos centros:



O recibimento no Coia 4 non puido ser máis cálido. Os nosos anfitrións tiñan un apretado programa de eventos incriblemente ben organizados. Comezou a mañá coa presentación e o trivial de videoxogos.






Proseguimos cunha serie de charlas relacionadas co mundo do Manga nas que os relatores foron os propios membros dos distintos clubs. Aínda que algunhas delas se suprimiron no último minuto, foron varios os participantes e houbo que habilitar distintos espazos para simultanealas.




Seguimos co concurso de Anime Got Talent no que Ayelén foi a representante do noso insti.



O concurso de debuxo demostrou, unha vez máis, o incrible talento dos nosos rapaces e rapazas.







Pero se algo espertou especial expectación nesta ocasión foi o Torneo de Magic. Moitos dos nosos mangas esperaban aprender algo, outros xa sabían... e houbo cartas de regalo.




A mañá concluiu cunha magnífica charla sobre Xapón impartida por unha profe de xaponés da Escola Oficial de Idiomas que case non dá rematado por mor das moitas preguntas que todxs tiñamos interese en facerlle.


Como tivemos a sorte de que o sol lucía, a diferencia do que aconteceu en xuntanzas anteriores, aproveitamos a proximidade da praia de Samil para comer alí e celebrar naquel entorno o resto das actividades programadas. 
A comida foi unha nova ocasión para que os membros dos clubs de manga interactuasen entre eles. E tamén para aprender como algúns (o noso Xabi, por exemplo) levan a paixón polo mundo Manga e Xapón ata os propios envases para a comida.






A tarde proseguiu con xogos como unha xincana e unha busca do tesouro, ambas por equipos previamente organizados.






Foi, dende logo, un día para recordar. E, por suposto, estamos cheos de agradecemento ao enorme esforzo que realizaron os nosos anfitrións do Coia 4 e que tivo como recompensa unha xuntanza que resultou todo un éxito. Moitísimas grazas!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario