miércoles, 22 de noviembre de 2017

CLUB DE LECTURA: #XUSTIZA PARA VIOLETA


Onte, 21 de novembro, celebramos a primeira xuntanza deste curso no Club de Lectura. A obra escollida, A ira dos mansos. O autor, Manuel Esteban. Nesta ocasión estivemos xuntos os membros do Club Junior e do Senior. E entre os profes estivemos, coma sempre, Paco, Inés e Eugenia. Pero tamén se nos uniron Moisés e Charo, a nosa orientadora.
Os personaxes femininos da obra levaron as maiores alabanzas, sobre todo o de Lorena, porque parecía "real". Pero tamén as outras mulleres da trama: Violeta, a súa nai, Sandra... porque saían do perfil típico, do que se espera delas. Tamén se comentou a insistencia con que se recalca que Violeta leva unha vida normal, como a de calquera rapaza da súa idade. E comentamos, como non, por que son tan pouco frecuentes os personaxes con síndrome de Down nas narracións que estamos afeitos a ler ou ver. Houbo diversas opinións neste sentido: ¿será porque se considera que poden dar menos xogo na historia? ¿Ou porque segue a ser un tema tabú? ¿Ou porque existe a crenza de que alguén se pode sentir ofendido?
O inspector Manso tamén nos ocupou bastante tempo: Para algúns, sobre todo os maiores, o personaxe vén sendo un clixé, o típico policía que chega a perder sensibilidade (aínda que parece recuperala ante o corpo de Violeta) e con tintes machistas. Debatemos sobre se había algo de caricatura ou non neste retrato e creo que gañaron os que pensaban que non.
Outra cuestión que se comentou foi o tema dos eufemismos: ¿Atrasada? ¿Discapacitada? ¿Minusválida? Parece que na novela é a personaxe de Sandra Ferro a que lle pon os puntos sobre os is ao inspector Carlos Manso.
Tamén nos deu para falar o tema do glosario, o despiste que supuxo para moitos de nós porque non estamos afeitos a atopalos ao final do libro, senón a pé de páxina.
E, como os nosos lectores e lectoras son moi críticos, deunos tempo a debater tamén sobre o que botaron en falta: ¿Por que non desenvolver máis a primeira historia da novela? ¿Por que o personaxe de Violeta unicamente aparece como un "plot device" e non se espallou en coñecela realmente?
Estaba previsto que Manuel asistise á nosa xuntanza e seguro que nos contestaría a moitas destas preguntas. Pero non foi posible por unha urxencia persoal. Aínda así, temos pendente que nos visite proximamente e retomaremos con moitísimo gusto o debate. Foi un pracer contar con tanta xente e tan lúcida na nosa primeira xuntanza do curso. Oxalá que o resto saian así de ben!!












1 comentario:

  1. Moitas grazas pola lectura atenta e as reflexións tan acaídas. Quédame mágoa por non poder ter asistido. Pídovos desculpas e prometo facervos unha visita en canto poida e queirades. Aperta fonda!

    ResponderEliminar