martes, 16 de enero de 2018

VIDEO GIRL AI: XUNTANZA CLUB DE MANGA



Este pasado luns, 15 de xaneiro, xuntámonos de novo para comentar o manga Video Girl Ai. Ademais das dificultades para atopalo que algúns tiveron, o comentario maioritario foi que lles pareceu moi machista, feito que atribuíron a que "se nota que está escrito noutra época". Valoraron que antes os personaxes femininos non estaban ben desenvolvidos fronte aos masculinos. As nenas ou mulleres aparecen hipersexualizadas ("as tetas máis grandes ca cabeza", creo que foi a valoración) e cheos de estereotipos, como o personaxe de Ai, que vai cambiando coa idea de gustarlle ao rapaz. Tamén fixeron fincapé en que estes presentan poucos matices: todo é branco ou negro.
Outros interpretaron que o fondo machista da historia non se debía tanto a que fora escrita hai bastantes anos, senón a que a idea era presentar situacións esaxeradas para facer unha crítica destes comportamentos. En xeral, todxs coincidiron en que os xiros machistas non lles gustaron nada, pero a historia en si engancha.
Outro polo de discusión foron os continuos saltos temporais da historia, que os levaron a perderse nalgúns momentos e dificultaron a comprensión da trama. Preguntáronse con curiosidade como podían seguir estes saltos temporais hai anos, cando a xente non estaba tan afeita a eles como están hoxe en día?
Certamente foi un debate intenso e moi produtivo no que aprendemos bastantes cousas. Entre outras, que un se pode namorar en, exactamente, 8,3 segundos.
E, para a vindeira xuntanza, tócanos ver un anime: El edén del este. Veremos que nos depara.






No hay comentarios:

Publicar un comentario