sábado, 21 de abril de 2018

SAÍDA DO CLUB DE LECTURA: "EMILIA"


O club de lectura fixemos unha mini excursión ao Salón do Libro de Pontevedra o pasado venres 13 de abril. Este ano non se pode asistir no mesmo día á representación teatral e visitar o Salón, así que, tras moito sopesalo, decidimos ir ao teatro e prescindir da visita. A obra que nos ofrecían é "Emilia" un monólogo dunha hora de duración no que unha magnífica Pardo Bazán se dirixía a nós, o público, coma se fosemos os rancios membros da Academia que no seu tempo lle prohibiron a entrada, a ridiculizaron e a ignoraron, pero aos que ela soubo tamén ignorar. Unicamente se permitiu xestos de ternura co seu adorado "miquiño", o señor Galdós. 
O certo é que a obra gustou máis aos nosos senior que aos máis cativos, probablemente porque a falta de referencias lles fixo perder parte do fío. Os profes quedamos encantados e comentamos posteriormente, cun almorzo de media mañá, que aínda hoxe hai certos patróns de comportamento que perviven nas nosas letras.
Mágoa que o tempo non nos acompañase para facer un percorrido pola Illa das Estatuas. Sería o remate perfecto para esta mañá, pero non puido ser. 









No hay comentarios:

Publicar un comentario