miércoles, 6 de junio de 2018

"MI HERMANA VIVE SOBRE LA REPISA DE LA CHIMENEA":PREXUÍZOS, XENOFOBIA, EGOÍSMO E MORTE


Foi a última xuntanza do club de lectura junior deste curso e, como é tradición, houbo bombóns e pouca asistencia (pero moi escollida, iso si); está claro que as angustias de maio e xuño fan o seu efecto tamén entre xs nosxs lectorxs. Pero, malia sermos poucxs, o debate foi intenso e interesante a partes iguais. 
Esta obra de Annabel Pitcher recrea, baixo o punto de vista dun neno de dez anos, as consecuencias da morte da súa irmá nun atentado terrorista en Londres cinco anos atrás. O proceso de dó supuxo a ruptura dunha estrutura familiar que Jamie, o protagonista, ten a esperanza de que se poida arranxar. 
A primeira sorpresa é o pouco que lles gusta esa narración en primeira persoa que usa o estilo indirecto libre. A segunda, que o personaxe preferido, no que máis se centraron, non foi o do rapaz protagonista da historia, senón o da irmá, Jas, que carga con todo o peso dunha familia doente na que todos os membros escapan da realidade, cadaquén ao seu xeito. E entre as fuxidas da realidade, a máis denostada é a da nai, que, superada pola dor, só é capaz de refuxiarse no seu egoísmo. Falamos tamén de se está ben ou non poñerlle cornos á túa parella.
Chamou a atención que apenas se mencionase de maneira expresa a morte, nun libro que xira en torno a este tema, agás, precisamente, no que as nosas lectoras e lectores consideraron que foi un dos momentos máis tristes da obra: a morte do gato, esa "mascota con pelos" como a definiu alguén. E é que isto xa foi chover sobre mollado e chegoulles moi adentro.
Tamén, inevitablemente, acabamos falando de xenofobia (islamofobia, concretamente) e do que iso implica, da relación do protagonista con Sunya, forzada ao comezo porque o único sitio libre na clase estaba ao seu lado. Tamén estivemos de acordo en que os prexuízos de Jamie (como todos) foron aprendidos. Iso si, outros temas tamén importantes na novela, como o acoso escolar, a anorexia... só se comentaron tanxencialmente. É que daba para falar moitas horas, pero nós só tiñamos o noso tempo do mediodía. 
Foi en definitiva, unha charla sumamente produtiva da que rescatamos unha das frases que comentamos:
"La abuela dice: "La gente siempre quiere lo que no puede tener". Papá quiere que Rose esté viva y que Jas tenga diez años. Yo tengo la edad que él quiere, pero soy chico. Jas es chica, pero no tiene la edad que él quiere. Rose es chica y tiene la edad que él quiere. Pero está muerta. Hay gente que nunca está satisfecha".
Nada máis que engadir.



No hay comentarios:

Publicar un comentario