martes, 7 de febrero de 2012

Ano Cunqueiro

Durante o ano 2011 celebrouse o ano de nacemento ne Álvaro Cunqueiro. A nosa biblioteca rendiulle unha humilde homenaxe coa exposición da súa obra.



Biografía: 

Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Na botica do pai tivo a oportunidade de entrar en contacto coas historias e cos tipos populares do país. En 1922 transladouse a Lugo para cursar o Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e Letras, onde se decantou polas tertulias e as lecturas antes do que polas aulas. Descubriu así a obra de autores como Yeats, Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas que deixarán pegada nos seus primeiros poemarios. Nas tertulias do Derby e do Español coincidirá con García-Sabell, Torrente Ballester, Maside, Colmeiro e moitos outros integrantes do movemento artístico compostelán. Estes contactos estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua. De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933).
     Afiliado á Falanxe desde 1937, Cunqueiro exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de periodista en Vigo, Donostia e Madrid. En 1944 o réxime retiroulle o carné de xornalista e voltou a Mondoñedo. Comezou neses anos a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...). Tamén retoma a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia na cidade olívica para traballar no xornal  Faro de Vigo.
     Desde 1978, en que gaña unha bolsa vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa morte en 1981, sucedéronse as homenaxes: Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo...

CARACTERÍSTICAS DA OBRA NARRATIVA:

     A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade ou a borrosa delimitación entre realidade e ficción serán os trazos que identifiquen a produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. É creador de historias imaxinativas e sorprendentes ao fío dos clásicos (Ulises, Rei Artur, Hamlet, Romeo ec Xulieta).
Os relatos e as novelas de Cunqueiro son moi fragmentarias: trátase de relatos de relatos, que lembran case sempre as técnicas da oralidade e nos recordan moitas veces ás Mil e unha noites. Nas súas obras atoparemos  princesas encantadas e barbudas, sirenas doloridas e enloitadas, demos enmascarados, finos enamorados provenzais, santas compañas...

POESÍA CUNQUEIRANA

Os inicios poéticos de Cunqueiro teñen forte pegada vangardista: o hilozoísmo ou o surrealismo están moi presentes nos seus versos; e o mesmo autor chega a recoñecer a influenza de Apollinaire en obras como Poemas do si e do non.
Na década de 1930, Cunqueiro, xunto con Bouza Brey, inician a corrente poética do Neotrobadorismo. En palabras de Alonso Montero «O neotrovadorismo arrinca, dentro da nosa poesía medieval, da cantiga de amigo, ese xénero poético que aínda hoxe nos intriga tanto: o poeta (o home) instálase no corazón dunha moza e cóntanos cómo repercute nese corazón a ausencia do amado, chamado mil veces amigo.»


A obra capital do neotrobadorismo galego é Cantiga nova que se chama riveira, do 1933. Con esta cantiga ábrese o libro:

Amor de auga lixeira,                    
Muiñeira.
Amor de auga tardeira,
Ribeira.
Amor de auga frolida,
Cantiga.
Amor de auga tardeira,
Ña amiga.


Arredor de 1950, os seus poemas adoptan o código do amor cortés, en Dona do corpo delgado :
¡Ai estorniño do abelanedo,
cantades vós, e morro eu e peno!
¡De amores hei mal!

A súa obra poética vese culminada coa publicación no 1979 de Herba aquí ou acolá.

OBRA EN GALEGO
Poemas
Mar ao Norde (1932).
Poemas do si e non (1933).
Cantiga nova que se chama Riveira (1933).
Dona do corpo delgado (1950).
A noite vai coma un río (1965).
Palabras de víspera (1974).
Herba aquí e acolá (1980).
Prosa.

NOVELA
Merlín e familia (1955).
Crónicas do Sochantre (1956).
Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961).

RELATO
Escola de Menciñeiros (1960).
Xente de aquí e de acolá (1971).
Os outros feirantes (1979).

TEATRO
O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca (1958).
 A noite vai coma un río (1960).

ENSAIO
Tesouros novos e vellos (1964).
A cociña galega (1973).

No hay comentarios:

Publicar un comentario