miércoles, 23 de noviembre de 2016

XUNTANZA DE CLUBS DE MANGA


O luns 21 marchamos de excursión a Vigo, xunto co Club de Manga do IES A Paralaia. Fomos convidados polos Mangas do IES Alexandre Bóveda e alí sumáronse á xuntanza o IES Escolas Proval de Nigrán e máis o IES Álvaro Cunqueiro. Toda unha experiencia de intercambio!!! Xa no bus o ambiente non podía ser mellor. Risas, cancións e bromas.





Témoslles que agradecer aos Mangas do Alexandre Bóveda a súa fantástica acollida. Recibíronnos no Salón de Actos, cantaron para nós e logo, sen máis dilación, comezaron as múltipes actividades que nos tiñan organizadas.







Espertou gran entusiasmo o concurso de coñecementos sobre Pokemon. A min deixáronme alucinada con todo o que sabían (e con todo o que hai que saber).



Paralelamente a este, celebrouse tamén un concurso de tutti-frutti no que os participantes semellaban máis concentrados que nun exame de reválida. Os gañadores recibiron un xeitoso pai-pai moi acorde coa temática do concurso.


E non podía faltar tamén un concurso de debuxo que se prolongou ao longo de toda a xornada.








Este último foi o debuxo gañador. Na votación, xa pola tarde, pouco antes de rematar, participamos todxs xs asistentes, colocando un gomet sobre a ilustración que máis nos gustou.
A media mañá fomos camiñando ata a sala de teatro Ártika, onde representaron para nós Como sobrevivir a unha apocalipse zombie. Fomos aleccionados cunha serie de recomendacións fundamentais e que agradecemos encarecidamente. Agora xa sabemos o que temos que facer chegado o caso (ou non, depende...). Cantamos, bailamos, rimos, berramos... e saímos de alí máis que felices ao ritmo dos Village People (Y.M.C.A.).




Regresamos ao instituto máis sabios e felices. E tamén algo esfameados.





Agora xa coas pilas cargadas podiamos acometer a Gymkana Manga que nos tiñan organizada no Ximnasio do Insti. Alí todo aconteceu de maneira moi rápida e intensa. A min custábame entender o que estaba a pasar, pero os nosos Mangas parecían saber o que facían. Correron, brincaron, animaron, berraron, caeron... e volvéronse erguer. Ao final non sei moi ben quen gañou. Pero pasámolo ben, que é o importante.










Voltamos ao Salón de Actos, onde as nosas anfitrionas nos deleitaron cunha estupenda seleccion de lendas xaponesas de moito medo e logo comezou por fin... ¡¡O Karaoke!! Coma sempre, moitos escrúpulos á hora de comezar ("non saio que me dá apuro"), pero ao final custou traballo sacar aos participantes de enriba do escenario. E, tamén coma sempre, cantaron incriblemente ben. O público estaba entregando e coreaba as cancións con entusiasmo.






O último xogo do día foi un concurso de anime sobre personaxes, openings, etc, pero esta vez por grupos. Estivo moi reñido e finalmente gañou A Paralaia.




Regresamos á casa esgotados e máis que agradecidos polo entusiasmo, o enorme traballo e a ilusión que en todo momento demostraron os nosos anfitrións. Cando nos toque, esperamos estar á altura. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario