jueves, 6 de octubre de 2016

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, IN MEMORIAM






























Este verán deixounos Agustín Fernández Paz e todas aquelas persoas que o lemos 
sentímonos un pouco orfas. Non hai un só alumno ou alumna que non coñeza a Agustín, que non viaxase canda el a O centro do labirinto, que non recibise Cartas de inverno, que non temese unha Noite de voraces sombras, que non se emocionase ao pensar que O único que queda é o amor.




Precisamente a partir dun relato incluído neste último título, "Un río de palabras", decidimos dende a Biblioteca do IES As Barxas renderlle unha homenaxe.
O protagonista desta curta historia decide compartir a emoción que lle producen as súas lecturas pegando nas paredes do seu barrio papeis semellantes aos anuncios de "Compártese piso" ou "Ofrécese profesora particular", só que neles reproducía as liñas iniciais daqueles libros que desexaba compartir co resto do mundo. E o mesmo fixeron as nosas alumnas e alumnos. 



Todos e cada un deles e delas escribiron as primeiras palabras daquelas obras que máis os emocionaron. E logo, con todo este material, empapelamos con ríos de palabras o recibidor do noso centro. Non se nos ocorreu mellor xeito de inaugurar este curso que emulando ao protagonista do relato de Agustín Fernández Paz.







No hay comentarios:

Publicar un comentario