sábado, 7 de abril de 2018

"CATRO XINETES" NO INSTITUTO: ANXO FARIÑA CON BRÚXULA E SEN MAPA


O martes día 3 celebramos unha nova xuntanza do Club de Lectura e tivemos a sorte de desfrutar coa visita do autor da última obra que lemos: "Catro xinetes". Anxo Fariña definiuse como un escritor de brúxula e non de mapa; é dicir, que non parte dun guion pechado, senón que se vai deixando levar pola historia. Contounos como foi o proceso de creación desta obra, da libreta de bocexos que perdeu, na que foi anotando todas as ideas que se lle foron ocorrendo e que logo se plasmaron no relato, do moito que lle gustan os reloxos, tanto que ese foi o punto de partida da novela, do home con dous reloxos que un día viu nunha cafetería (tamén falamos dos reloxos como algo que nos encadea ao tempo e aquí a min véuseme Cortázar á cabeza). Descubriunos unhas pedras alucinantes dunha praia de Nova Celandia, o "money pit" que hai na illa de Oak Island (que inspirou o pozo da novela) ou a arquitectura de Calatrava (que serviu para imaxinar Babylon). Falamos tamén das súas experiencias de viaxe, sobre todo en Xapón, que se ven reflectidas en varios momentos de "Catro xinetes", ou da orixe da historia do avión do papel (que demostra, unha vez máis, que a realidade sempre seguirá superando á ficción).
Entre os personaxes, sen dúbida foi Noa a que todos sentimos máis próxima. Comentamos o papel de Red na historia, que encarna ao poder dos medios para convencer, mobilizar ou manipular. Neste caso, a través das redes sociais.
O debate foi máis que ameno e foron moitas as dúbidas que se lle formularon ao escritor: sobre Elizabeth, a boneca de Mizuki, sobre a mortalidade (ou non mortalidade) de Adán, sobre o significado do alfiler, sobre Mysoul, a rede social de Red, na que non hai censura porque ten a súa propia rede de satélites, co que está por riba de varios gobernos (¿como un deus?) e que nos trae reminiscencias de Facebook.
E, para rematar, non sei moi ben como, rematamos falando de relacións románticas e non románticas, antes de que Anxo nos asinase algúns exemplares de "Catro xinetes". 
Foi unha experiencia fantástica poder compartir con Anxo as nosas impresións sobre a súa novela e escoitar o relato sobre como a creou. 
Xa estamos ansiosxs porque chegue unha segunda parte!!!











No hay comentarios:

Publicar un comentario