martes, 3 de julio de 2018

UN CUARTO DE SEU: ULTIMA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA



A última lectura deste curso levounos ata Virginia Woolf por petición explícita dunha das nosas máis voraces lectoras, Isabel, que tiña moitas ganas de meterlle man a este ensaio da escritora británica. E, por suposto, o resto de nós seguímola na aventura de descubrir por que a autora consideraba imprescindible ten un cuarto propio (o que vén sendo independencia económica) para poder desenvolver a creación literaria. 
Aproveitamos que o teatro Afundación de Vigo trouxo unha representación desta obra o pasado 2 de maio interpretada por Clara Sanchís e alá fomos algunhas das profes.
A charla de onte deunos xogo para falar de feminismo e de machismo ("hai xente que é machista e non o sabe"), de Lorca e dos seus "Seis poemas galegos" e da relación deste con Blanco-Amor... e acabamos falando de cores, concretamento do rosa e do azul. Para a miña sorpresa, non sempre o primeiro se asociou ás nenas e o segundo aos nenos. De feito, antes considerábase que o rosa era unha cor forte e decidida (axeitada para nenos) mentres que o azul era máis refinado e delicado (e daquela apropiado para as nenas). Parece que foi durante os conflictos bélicos do século XX, onde os soldados empezaron a usar uniformes azuis, cando mudaron as tornas e empezamos a asociar esta cor a valores como a forza ou o heroísmo. Curioso... o moito que se aprende nos clubs de lectura.
Sorprendeunos o adiantado ao seu tempo que é o discurso de Virginia Woolf e como determina a ideoloxía que sustenta o patriarcado: "De aí a enorme importancia que ten para un patriarca, que debe conquistar, que debe gobernar, o crer que un gran número de persoas, a metade da especie humana, son por natureza inferiores a el. Debe de ser, en realidade, unha das fontes máis importante do seu poder. (...) Por iso, tanto Napoleón coma Mussolini insisten tan marcadamente na inferioridade das mulleres, xa que se elas non fosen inferiores, eles cesarían de agrandarse".

E para rematar, Paco regalounos a todas un talismán, un ollo de boi ou ollomán, que en realidade é un opérculo dun múrice; é dicir, a válvula ou tapa dun caracol mariño. Disque pode repeler o mal de ollo e que a súa estrutura está relacionada co número áureo e a divina proporción. Non podiamos ter un mello regalo de despedida. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario