martes, 21 de marzo de 2017

EXPOSICIÓN POESÍA ENTRE LÍNEAS


Hoxe conmemórase o Día Internacional da Poesía, e no IES As Barxas festexámolo a base de ben. Para empezar, inauguramos unha exposición de Blackout Poetry creada polo noso alumnado de 2º ESO, 3º ESO e 1º BACH. 
A Blackout Poetry, tamén chamada Poesía Opaca, Poesía Escura ou Destrucción Creativa, consiste en agochar as palabras que non se precisan dunha folla de libro, xornal, revista... e deixar visibles unicamante aquelas que conformarán o noso poema. Vén sendo unha especie de busca do tesouro, na que imos descubrir o poema que está oculto baixo a prosa. A idea que alimenta esta técnica creativa radica na crenza de que baixo as capas do cotián, se somos quen de afastar o que nos entorpece a vista, atoparemos poesía.
A idea orixinal é do autor, debuxante e deseñador web Austin Kleon, quen afirma o valor de inspirarse no traballo dos demais para comezar o noso propio. Pero non podemos quedarnos aí, na simple copia, senón que nos cómpre achegar algo máis que, á súa vez, sirva de inspiración para outros.
E partindo nós, pola nosa banda, da idea de Austin Kleon, dedicámonos a ver algúns titoriais, buscamos fontes de inspiración e, como non, acudimos tamén a Pinterest á procura de ideas.  
O resultado final do noso Proxecto Poesía Entre Liñas, como lle chamamos, foi a exposición que esta semana adorna a entrada do noso instituto.






Ademais, esta exposición ofrece a posibilidade de escoitar aos propios nenos e nenas recitando os poemas que compuxeron grazas ás marabillas da Realidade Aumentada. Para iso é preciso descargar no móbil a aplicación Aurasma e seguir o noso canal, ben a través dun enlace ou ben a través dun código QR.

No hay comentarios:

Publicar un comentario