Mostrando entradas con la etiqueta AUTORES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta AUTORES. Mostrar todas las entradas

domingo, 1 de julio de 2018

CONCERTO NA BIBLIOTECA: SU GARRIDO




Este ano a despedida do club de lectura foi todo un luxo. Convidounos Normalización Lingüística (grazas Brais e Iria!!!) a un concerto na nosa biblioteca de Su Garrido Pombo, cantante, músico e compositora galega. Emocionounos coa súa música e coas súas palabras. Explicounos por que escolleu Galicia para asentarse antes de cantar Quedo a vivir aquí; as circunstancias do poema de Jaime Gil de Biedma, A una mujer joven separada; tamén nos contou por que Pasa la vida e das que Camiñan descalzas polas rochas. E moitas cancións máis... Falounos de mulleres, de emocións e da vida. E quedamos todxs abraiadxs coa súa voz e coa súa presencia.









miércoles, 6 de junio de 2018

CARLOS NEGRO: MOTORES QUE ROXEN, BARBIES EN GAIOLAS E CORVO



O 10 de maio tivemos a sorte de contar no club de lectura coa visita de Carlos Negro. Levabamos tres anos intentando que viñera, pero era difícil atopar as datas. Por iso nos fixo tanta ilusión telo por fin connosco. Xunto ao club de lectura, convidamos á biblioteca a algún alumnado máis de 3º de ESO. 
Carlos Negro, que ademais de ser escritor tamén é profe, sabe moi ben como presentarse ante o seu público, e gañounos a todxs non só cos poemas recitados, senón coa posta en escena de coches con banda sonora, barbies pechadas en gaiolas e, sobre todo, coa magnífica Corvo, que nos roubou o corazón. E, para rematar, esa onza de chocolate inspirada en Kirmen Uribe e que sintetiza o que é un poema: "algo pequeno, escuro e doce".
"Makinaria" e "Penúltimas tendencias" son as dúas obras que o noso alumnado leu e centrouse nelas, pero tamén nos recitou poemas doutros autores. O que máis nos gusta destas obras é, ademais da visión fresca que nos ofrece da poesía, que nos pon diante das narices a realidade dxs nosxs adolescentes.
E, por certo, este ano concedéronlle a Carlos Negro o premio dos Clubs de Lectura por ser o autor máis lido polas lectoras e lectores que os conformamos. Enhoraboa por tan merecido premio!!!











domingo, 29 de abril de 2018

23 DE ABRIL CON LUZ BELOSO


Luz Beloso non é só unha incrible profe de plástica do IES As Barxas, senón que tamén é unha ilustradora excepcional que ten publicada unha boa morea de libros. Ademais é unha compañeira solidaria e comprometida, cunha vocación profesional contaxiosa. E, por riba de todo isto, é unha amiga que nos quixo acompañar na celebración do 23 de abril.
Explicounos como se fai para publicar un libro, cal é o complexo proceso dende que xorde a idea ata que sae á venda a obra rematada. Contounos como empezou a traballar na ilustración en si e na de álbumes ilustrados en concreto. Fíxonos chegar o entusiasmo e a paixón que pon en cada obra. Falounos do que hai detrás de cada debuxo, das persoas que a inspiran (e tamén das que non), dos proxectos rematados e dos que quedaron a medio camiño (que ás veces pasa), da ilusión que é preciso poñer para sacar un libro adiante. Mesmo nos contou cousas do proxecto no que anda inmersa nestes momentos e do traballo de investigación que supuxo. 
Quedóusenos curto o tempo porque serían necesarias moitas horas para seguir escoitando o que nos ten que contar Luz sobre os álbumes ilustrados, sobre Rosaura, Esther, Mel, as medusas de Iria, os coellos que queren soñar... 
Charo e máis eu tivemos a sorte de estar acompañadas nesta charla por outras dúas profes que, igual que Luz, desprenden vocación e paixón: Ángeles Pico e Lúa Iglesias.
Foi un auténtico pracer!!









sábado, 7 de abril de 2018

"CATRO XINETES" NO INSTITUTO: ANXO FARIÑA CON BRÚXULA E SEN MAPA


O martes día 3 celebramos unha nova xuntanza do Club de Lectura e tivemos a sorte de desfrutar coa visita do autor da última obra que lemos: "Catro xinetes". Anxo Fariña definiuse como un escritor de brúxula e non de mapa; é dicir, que non parte dun guion pechado, senón que se vai deixando levar pola historia. Contounos como foi o proceso de creación desta obra, da libreta de bocexos que perdeu, na que foi anotando todas as ideas que se lle foron ocorrendo e que logo se plasmaron no relato, do moito que lle gustan os reloxos, tanto que ese foi o punto de partida da novela, do home con dous reloxos que un día viu nunha cafetería (tamén falamos dos reloxos como algo que nos encadea ao tempo e aquí a min véuseme Cortázar á cabeza). Descubriunos unhas pedras alucinantes dunha praia de Nova Celandia, o "money pit" que hai na illa de Oak Island (que inspirou o pozo da novela) ou a arquitectura de Calatrava (que serviu para imaxinar Babylon). Falamos tamén das súas experiencias de viaxe, sobre todo en Xapón, que se ven reflectidas en varios momentos de "Catro xinetes", ou da orixe da historia do avión do papel (que demostra, unha vez máis, que a realidade sempre seguirá superando á ficción).
Entre os personaxes, sen dúbida foi Noa a que todos sentimos máis próxima. Comentamos o papel de Red na historia, que encarna ao poder dos medios para convencer, mobilizar ou manipular. Neste caso, a través das redes sociais.
O debate foi máis que ameno e foron moitas as dúbidas que se lle formularon ao escritor: sobre Elizabeth, a boneca de Mizuki, sobre a mortalidade (ou non mortalidade) de Adán, sobre o significado do alfiler, sobre Mysoul, a rede social de Red, na que non hai censura porque ten a súa propia rede de satélites, co que está por riba de varios gobernos (¿como un deus?) e que nos trae reminiscencias de Facebook.
E, para rematar, non sei moi ben como, rematamos falando de relacións románticas e non románticas, antes de que Anxo nos asinase algúns exemplares de "Catro xinetes". 
Foi unha experiencia fantástica poder compartir con Anxo as nosas impresións sobre a súa novela e escoitar o relato sobre como a creou. 
Xa estamos ansiosxs porque chegue unha segunda parte!!!











jueves, 29 de marzo de 2018

VISITA DE MARISOL ORTIZ DE ZÁRATE


O día 8 de marzo recibimos a visita de Marisol Ortiz de Zárate, a autora de "La canción de Shao Li". Contounos a historia de Sherezade, de "As mil e unha noites", e falounos de como se lle foron ocorrendo as ideas para compoñer este libro que tanto lles gustou aos nosos lectores e lectoras. Fixéronlle moitas preguntas intelixentes e divertidas que serviron para aclarar dúbidas (ou para facer xurdir outras novas, que tamén vale). E, para rematar, houbo dedicatoria de libros e formouse unha longa cola de nenas e nenos que levaron os seus exemplares para que llos asinase a autora. Quedounos un grato recordo desta visita e esperamos repetir con este ou outros libros de Marisol.






martes, 16 de enero de 2018

VISITA DE MANUEL ESTEBAN: A LITERATURA NACE DAS FERIDAS ABERTAS


Hoxe visitounos no club de lectura Manuel Esteban. Antes de Nadal, lemos A ira dos mansos e naquel momento, por razóns de peso, non puido estar con nós. Pero quedou pendente de vir en canto puidese e cumpriu a súa palabra. Falounos de como se xestou a historia do libro, do seu fillo Antón, da súa experiencia como pai dun neno coa síndrome de Down, contounos a historia de alguén que quería viaxar a Roma e acabou descubrindo a beleza de Amsterdam...
Falounos con sinceridade, sen artificios e estámoslle enormemente agradecidxs pola emoción que nos trasmitiu. Hoxe aprendemos con el, por se non o sabiamos xa de antes, que a literatura nace das feridas abertas.