Mostrando entradas con la etiqueta TEATRO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta TEATRO. Mostrar todas las entradas

miércoles, 6 de junio de 2018

UN CUARTO DE SEU - TEATRO



O último libro proposto para o club de lectura senior é "Un cuarto de seu" de Virginia Woolf. A proposta de Isabel Cascante, arriscámonos co ensaio, un xénero moi pouco habitual nos club de lectura. E aproveitamos que no teatro Afundación de Vigo representaban o 2 de maio unha versión desta obra interpretada por Clara Sanchís. Alá fomos algunhas das profes. Foi unha mágoa que as nosas alumnas non puideran asistir porque estaban inmersas en plenos exames finais. 


O ensaio "Un cuarto de seu" publicouse por primeira vez en 1929, baseado en varios relatorios que Virginia Woolf levou a cabo o ano anterior nalgúns dos colleges femininos de Cambridge sobre o tema das mulleres e a literatura. A representación teatral centrouse no momento en que a escritora ofrece unha conferencia chea de palabras mordaces e irónicas a unhas estudantes. Nela exponlles o seu descubrimento: para dedicarse á literatura, unha muller precisa cartos e un cuarto propio. Esta falsa conferencia é, en palabras da directora, María Ruiz, "unha experiencia imaxinaria, vívida e humorística... no momento mesmo no que está acontecendo a maior revolución social de todos os tempos: a igualdade de homes e mulleres ante a lei".

sábado, 21 de abril de 2018

SAÍDA DO CLUB DE LECTURA: "EMILIA"


O club de lectura fixemos unha mini excursión ao Salón do Libro de Pontevedra o pasado venres 13 de abril. Este ano non se pode asistir no mesmo día á representación teatral e visitar o Salón, así que, tras moito sopesalo, decidimos ir ao teatro e prescindir da visita. A obra que nos ofrecían é "Emilia" un monólogo dunha hora de duración no que unha magnífica Pardo Bazán se dirixía a nós, o público, coma se fosemos os rancios membros da Academia que no seu tempo lle prohibiron a entrada, a ridiculizaron e a ignoraron, pero aos que ela soubo tamén ignorar. Unicamente se permitiu xestos de ternura co seu adorado "miquiño", o señor Galdós. 
O certo é que a obra gustou máis aos nosos senior que aos máis cativos, probablemente porque a falta de referencias lles fixo perder parte do fío. Os profes quedamos encantados e comentamos posteriormente, cun almorzo de media mañá, que aínda hoxe hai certos patróns de comportamento que perviven nas nosas letras.
Mágoa que o tempo non nos acompañase para facer un percorrido pola Illa das Estatuas. Sería o remate perfecto para esta mañá, pero non puido ser. 









jueves, 29 de marzo de 2018

AHORA MISMITOS: TEATRO, MITOS CLÁSICOS E MOITO HUMOR


Unha aproximación aos mitos clásicos polo camiño do humor. Esta é a intención de Antonio, o único personaxe que intervén nesta obra, cando representa esta particular interpretación de mitos como o de Faetón ou Afrodita nos institutos. E podemos dar fe de que o consegue. O noso alumnado sabe agora cal foi o tráxico destino do fillo de Helios ou que particulares circunstancias rodearon o nacemento da deusa do amor e a luxuria. E moitas máis cousas. Todo iso grazas á magnífica interpretación de Antonio sobre o escenario do noso Salón de Actos. Foron case dúas horas de rir sen parar, nas que contou coa participación dalgúns alumnos aos que non lles quedou outra que saír a escena para encarnar algún personaxe mitolóxico. Na organización desta actividade, participamos, xunto coa biblioteca, os departamentos de Latín e Grego, Filosofía e Lingua Castelá. Para o alumnado foi un 10. E para nós tamén.